I Xornada de portas abertas do Museo de Antropoloxía e Etnografía da Fundación Sotelo Blanco

unnamed (1)

O próximo 22 de novembro, sábado, celebramos unha xornada de portas abertas con visitas guiadas e actividades complementarias relacionadas coa etnografía galega. Recibiremos tanto visitantes individuais como grupos organizados, en todos os casos con entrada de balde. Estamos na rúa de San Marcos, 77 – Santiago de Compostela

Esta é unha invitación a unha xornada de re-descubrimento de Galicia, de vellos oficios, do xeito de vivir dos nosos antergos, das ferramentas que empregaban nos labores do campo ou para moer, tecer, fiar e traballar o ferro. Esta é unha invitación para descubrir o tesouro que custodia o Museo de Antropoloxía e Etnografía da Fundación Sotelo Blanco.

Para garantir a mellor das atencións a todos rogamos que aquelas asociacións interesadas en vir con grupos comuniquen a hora prevista de chegada e a súa intención de participar nalgunha das conferencias, concertos ou obradoiros programados.
Chega dabondo cunha mensaxe por correo electrónico para que nós poñamos en marcha unha reserva de grupo. Para completar o proceso contactariamos de novo co obxectivo de concretar o número de visitantes e -de ser o caso- buscar alternativas para evitar a chegada simultánea de varios grupos.
Pensamos que é unha ocasión única para coñecer os fondos dun museo que garda a memoria dunha cultura que mirada desde a segunda década do século XXI podemos considerar perdida, pero que forma parte dos sinais diferenciais que marcan a identidade dun pobo, o galego. As portas do museo están abertas a todos. Esperamos contar con vós, porque garantimos un día especial.
Así mesmo agradecerémoslle a súa colaboración difundindo o noso cartel nas vosas redes sociais. Unha forma viral de dar a coñecer o noso evento.

http://www.soteloblancoedicions.com/fundacion/museo.htm

Deixe un comentario