Banco de Libros 2013

Como xa informamos na última asemblea, a Anpa deste colexio, en colaboración coa federación de anpas de Compostela, vai organizar un BANCO DE LIBROS.

O obxectivo que pretendemos é a recuperación dun material tan duradeiro e custoso como son os libros de texto, coa finalidade de os nosos fillos e fillas aprendan os valores da reciclaxe e da reutilización, e pensando que o feito de que reciban un libro usado, e de que teñan á súa vez que darllo a outro/a o que eles usaron, contribúe á súa educación e a súa integración xenerosa na comunidade.

Evidentemente, isto tamén trae un efecto colateral : o aforro económico, que é algo tamén moi necesario e especialmente interesante neste momento.

Para todos aqueles que queiran apuntarse, o sistema que imos seguir é o seguinte:

RECOLLIDA DE LIBROS NO LOCAL DA ANPA:

  1. Xunto con este escrito remítense as fichas (ó final do artigo) cos libros dos diferentes cursos de primaria (en infantil non hai posibilidades de reutilización, e probablemente en 1º e 2º de primaria tampouco será posible). Se tedes, deste curso que remata ou de cursos anteriores, algún dos libros das listaxes, entregádeos na sede da anpa, totalmente borrados, os días 20 e/ou 25 de xuño entre as 16:30 e as 18:30 da tarde.

  2. Cando os entreguedes traede cuberta a ficha que se achega por duplicado, cubriredes a parte dos libros que doedes, por duplicado, porque unha ficha é para nós e outra queda como resgardo voso. No que se refire aos libros que queirades recibir, poñede unha información xenérica (exemplo: os de quinto, ou os de cuarto agás do de relixión) ou específica (exemplo: o de matemáticas de sexto)

  3. As familias dos nenos que vaian facer, no curso 2013-14, primeiro, segundo ou terceiro de primaria, e que non poidan doar ningún (porque os tres cursos previos a estes non teñan libros reutilizables) teñen que deixarnos igual a ficha, coas doazóns en branco, para que poidamos contar con eles no reparto. Aínda que xa dixemos que para 1º e 2º probablemente non consigamos libros.

ENTREGA DE LIBROS ÁS FAMILIAS:

  1. Os días 27 e 28 de xuño entregaremos os libros da seguinte maneira:

  2. Faremos lotes iguais, dividindo o total de libros entregados polo total de solicitantes en cada curso.

  3. Terán prioridade os que doaron libros, e se sobran repartirémolos entre os que non doaron, ou deixarémolos no centro para cubrir casos de necesidade.

  4. As familias dos nenos de sexto de primaria levarán o resgardo de entrega que lles servirá de xustificante no IES Antón Fraguas, e terán preferencia para recoller os de 1º da ESO no banco de libros do Instituto.

Para evitar malentendidos queremos deixar claro que isto non é un negocio, doar libros non significa que se vaian recibir; significa que se vai entrar nun reparto, en igualdade co resto dos doantes; pero, evidentemente, se todos doamos tamén todos recibiremos.

Se tedes calquera dúbida, atenderémosvos onde sempre, no correo electrónico, anpafontela@gmail.com; no teléfono 660 647 808; ou no local os días que vos indicamos de recollida e/ou entrega.

FICHAS:

Advertisements

Excursión fin de curso organizada pola Anpa Fontela

Como todos os anos a Anpa organiza unha excursión  de fin de curso para disfrutar dun día de lecer xuntos cos nosos  nenos e nenas. Este ano  o destino escollido é as Illas Cíes  para o domingo  16 de xuño.

O programa deste ano é:

  • Saída dende o colexio en autobús ás 8.45h. horas.
  • Chegada a Vigo e subida no barco da empresa Nabia Naviera que nos levará ata as illas. (durante a viaxe contratamos os servizos de animacióncancións e bailes para  pequenos e maiores  no barco durante a travesía- e xogos  mais tarde na illa).
  • Chegada ás Illas Cíes: faremos unha pequena ruta de sendeirismo, sinxela e  apta para  todas as idades, a Ruta do Alto do Príncipe (1 hora 30minutos)/ 3km aprox. Dificultade media-baixa.

É unha das rutas mais cortas, pero tamén unha das vistas mais impresionantes dos cantís dende o Alto do Príncipe, un auténtico miradoiro natural ao borde dos cantís, onde se atopa a Silla da Raiña, unha especie de trono labrado de forma natural na pedra, despois de percorrer un camiño entre os piñeiros, ademais de deixar atrás o complexo dunar de Punta Muxieiro e a praia de Figueiras, onde fondeaban os submariños da II Guerra Mundial.

  • 14:15h: xantar ó aire libre. Levaremos a nosa comida  para xantar xuntos nalgún lugar agradable.
  • Realización de xogos en grupos cos monitores-as de Naviera.
  • 16.30h. tempo para ir a praia de Rodas.
  • Regreso 19.30 horas en barco á  Vigo e logo en bus ata Santiago e chegada ó colexio.

 O que tedes que saber:

  • Tódolos nenos e nenas que se apunten teñen que vir cun adulto que se responsabilice deles.
  • Para o xantar ao aire libre cada quen ten que levar a súa comida e bebida.
  • O prezo é de 8 euros por adulto, e 5 euros por neno para os socios da anpa (para os non socios son 15 euros por adulto e 8 euros por neno) (o prezo inclúe todos os gastos de transporte e animación)
  • As prazas adxudicaranse por orde de inscrición, gardando sempre a preferencia d@s soci@s da anpa.
  • Para vos apuntar facede un ingreso na conta 0182 6103 73 0201519547 , no BBVA, a nome da Anpa, indicando “NOME E APELIDOS DO/A NENO/A”. Logo podedes mandar un correo a anpafontela@gmail.com ou chamar por teléfono ó 660 647 808 para dicir que persoas concretas veñen.

Debate de actualidade: ¿Deberes sí? ¿Deberes non?

Estes días estamos a ler na prensa varias noticias sobre os deberes escolares, que é un tema que sempre moveu opinións contrapostas, dende aqueles que os defenden totalmente, ata os que os negan coa mesma rotundidade.
Tamén están a saír na prensa diferentes opinións de diferentes colectivos, moitas delas das familias, de xeito individual ou asociativo:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/05/31/pouco-agrada-moito-enfada/0003_201305G31P3991.htm

As nais e pais temos algo que dicir nisto, ¿qué opinades?

Lembrade que as opinións que deixedes aquí son exclusivamente vosas, e que van ser lidas por calquera que teña interese en facelo.

Coma sempre o debate é moderado, polo que a anpa non publicará os comentarios que poidan ser ofensivos para algunha persoa, pero si publicará calquera opinión porque estas deben ser libres.

Charla sobre alimentación: A carne de calidade

Continuando cas charlas sobre alimentación, mañá xoves, 30 de maio, ás 16:30 horas, na biblioteca do CEIP As Fontiñas, a Anpa organiza unha charla sobre alimentación.

A charla titúlase “A carne de calidade: aspectos nutritivos, tecnolóxicos e culinarios“. De seguro que aprenderemos cousas novas e de interese.

Falará Luis Vázquez,  Director de Promoción e Relacións Externas da I.G.P. TERNERA GALLEGA.

Agardamos a vosa asistencia.

Charlas sobre alimentación

Mañá xoves, 23 de maio, ás 16:30 horas, na biblioteca do CEIP As Fontiñas, a Anpa organiza unha charla sobre o peixe, o seu etiquetado, a súa trazabilidade, para que aprendamos algo máis sobre un elemento básico na nosa alimentación, tema que é de preocupación permanente por parte das familias.

Falará Antonio Rodríguez Fernández, Subdirector xeral de pesca e Mercados da pesca da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia

O seguinte xoves, 30 de maio, teremos tamén outra charla, desta vez sobre a carne, da que vos informaremos nos próximos días.

Agardamos a vosa asistencia.