Este xoves continuamos traballando no Patio en Reformas

Dende hai uns meses empezamos a traballar ao redor dunha posible reforma dos patios do noso colexio, principalmente o exterior e o cuberto da área de Primaria, os que, ao noso ver, precisan dunha intervención urxente. Por esta razón, en decembro pasado enviamos nas mochilas da rapazada unha enquisa para coñecer a vosa opinión sobre este tema. A participación, comparada con iniciativas anteriores, foi moi alta, e recollimos 125 formularios cubertos. Por adiantarvos un dato: case o 90% das familias que responderon á enquisa amosan a súa insatisfacción porque cren que o patio actual non cobre as necesidades da súa crianza. En paralelo, tamén se levaron a cabo enquisas entre o profesorado e obradoiros con todo o alumnado de Primaria.

Co obxectivo de seguir analizando tanto a situación de partida como os pasos que debemos seguir no futuro, convidámosvos a participar este xoves, 14 de marzo, a partir das 16:30h na biblioteca do CEIP das Fontiñas, no obradoiro “Patio en reformas”.

Mentres xs maiores levamos a cabo esta actividade, as crianzas poderán participar, de balde, do servizo de Ludoteca. Soamente tedes que reservar praza, indicando nome e apelidos, curso e persoa de contacto en anpafontela@gmail.com antes do mércores 13 de marzo.

Advertisements

Campamento de ENTROIDO

A Federación de ANPAS “Compostela” organiza campamentos de Entroido nos días 4, 5 e 6 de marzo nos colexios de Monte dos Postes, Quiroga Palacios, Roxos e Ramón Cabanillas para nenos e nenas de infantil e primaria.
DATA LÍMITE DE INSCRICIÓN: 25 de febreiro.

Proxecto Melibea

Desde o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello ofértase aos centros educativos da cidade que o desexen un completo programa de Educación Afectivo Sexual – Programa “Melibea”.

Nesta oferta lanzaranse tres liñas de traballo para 5º e 6º de Primaria. Unha desas liñas é específica para as familias (pilares fundamentais da educación de nenas e nenos) e consistiría nunha sesión de 2 horas ao mes ao longo do curso (de febreiro a xuño) impartida en horario de tarde.

Por iso, necesitamos coñecer cal sería o interese de participación das familias de Fontiñas.
Se estás interasado ou interesada envíanos un correo a anpafontela@gmail.com indicando o teu nome.

Para máis información (metodoloxía, actividades, obxetivos, etc.) podedes consultar este documento.

Seguimos traballando no proxecto PATIO EN REFORMAS!!

Como xa sabedes, o proxecto PATIO EN REFORMAS é unha das actuacións iniciadas dende a ANPA Fontenla para este curso escolar 2018/2019. O que pretendemos é lograr a transformación do patio escolar do CEIP As Fontiñas dende unha perspectiva de coeducación, naturalización e incorporación da perspectiva de xénero. Podes consultar aquí cómo vai avanzando o proxecto. 

Podemos facer este proxecto grazas á axuda obtida da Deputación da Coruña para entidades sen ánimo de lucro.

Nas imaxes, a rapazada de Primaria aportando ideas nalgún dos obradoiros realizados:

Novas da pasarela: comezo das obras

O pasado venres 18 de xaneiro, a ANPA Fontela e a Dirección do CEIP das Fontiñas tivemos unha reunión co concelleiro de Obras, Rafael Peña e co concelleiro de Educación, Manuel Dios para informar do comenzo das obras da pasarela que será a vindeira semana.

A obra ten un prazo de execución de 3 meses e desde o Concello asegúrannos que os traballos se levarán a cabo con garantías de seguridade para a comunidade escolar.