Novas da pasarela: comezo das obras

O pasado venres 18 de xaneiro, a ANPA Fontela e a Dirección do CEIP das Fontiñas tivemos unha reunión co concelleiro de Obras, Rafael Peña e co concelleiro de Educación, Manuel Dios para informar do comenzo das obras da pasarela que será a vindeira semana.

A obra ten un prazo de execución de 3 meses e desde o Concello asegúrannos que os traballos se levarán a cabo con garantías de seguridade para a comunidade escolar.

Advertisements

Este xoves: “O xogo filial”

 

No marco das actividades propostas pola ANPA para este ano, e subvencionadas pola Deputación da Coruña, aberta a toda a comunidade educativa, o xoves, 20 de decembro, ás 16.30h, na Biblioteca do CEIP das Fontiñas, haberá unha merenda-conversa na que Fátima Bermejo, mamá deste CEIP, conduciranos a unha reflexión activa sobre a comunicación afectiva entre persoas adultas e crianzas, e sobre o significativo papel do xogo para a creación de vínculos seguros.

Mentres participamos na merenda-conversa e compartimos un café, as nenas e os nenos poderán participar ou dispor, sen custo, do servizo de Ludoteca. Soamente tedes que reservar praza, indicando nome, apelidos da crianza, curso e persoa de contacto en anpafontela@gmail.com  antes do mércores 19 de decembro.

PATIO EN REFORMAS… EU CREO NO RECREO!

C.E.I.P. Fontiñas

Dende a ANPA Fontela cremos firmemente na importancia do recreo, na necesidade irrenunciable de que as crianzas gocen no colexio dun tempo de ocio de calidade. De feito, levamos cursos empregando o lema de “Eu creo no recreo” en diversas campañas e actividades.
Dende hai tempo, as familias percibimos que os espazos de patio do noso centro, especialmente no edificio de Primaria, precisan ser mellorados e adaptados ás necesidades de todos os nenos e nenas. Por iso, na última subvención á que concorremos da Deputación da Coruña, solicitamos e concedéronsenos fondos para iniciar un proceso de remuda. Nesta primeira fase, queremos obter unha diagnose clara do que acontece: como é o patio e como nos gustaría que fose. É preciso ter unha folla de ruta para saber que queremos e que recursos e finanzamento son necesarios para acadalo.
Para acometer esta tarefa queremos recoller a opinión de todas as persoas que configuramos o  CEIP das Fontiñas: alumnado, persoal docente, de administración e servizos e tamén das familias. Estes días veríades chegar a casa unha enquisa da ANPA na mochila da rapazada. É de vital importancia que a cubrades e que a entreguedes na conserxería ou na aula ao profesorado antes do próximo mércores día 5 de decembro.
Este é o só o primeiro paso dun proxecto moito máis amplo que se desenvolverá non só ao longo deste curso, senón tamén nos vindeiros.  Pincha aquí para coñecer máis sobre esta primeira fase, a de diagnose.
A empresa que vai levar a cabo esta tarefa é Trillium. Non dubidedes en chamar para calquera consulta, dúbida ou suxerencia ao seu teléfono de contacto: 687 51 35 35.

Xa está aberto o prazo para o Programa Municipal de Conciliación de Nadal 2018

Abriuse o prazo de inscrición no Programa de Conciliación laboral e familiar de Nadal 2018, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa  de conciliación para as familias no tempo de vacacións do Nadal. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro de 2018, e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro de 2019 nos CEIP Monte dos Postes e CEIP Raíña Fabiola, de alcanzarse o número mínimo de participantes requirido.

Poden participar nenos e nenas empadroados no  Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4),ou no rexistro auxiliar do Centro Sociocultural o Ensanche (Rúa de Frai Rosendo Salvado, 14-16) cubrindo este formulario, no Departamento de Educación e Cidadanía ou no propio rexistro. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 30 de novembro de 2018.

O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

Máis Información pinchando aquí ou en:

Departamento de Educación e Cidadanía
Concello de Santiago de Compostela
Edificio Cersia. Alcalde Raimundo López Pol, S/N.
Teléfono: 981 554 400 / 401
Fax: 981 571 511