Situación actual da obra da pasarela

 Queremos informarvos dos últimos acontecementos relacionados co proxecto de obra da pasarela, aínda que seguramente xa estaredes ao tanto, moitos de vós a través da plataforma Facebook da ANPA.

Como ben sabedes, a comunidade educativa do CEIP das Fontiñas, vén reclamando desde hai anos unha pasarela que comunique, de modo seguro, os edificios de Infantil e Primaria.

Esta obra implica a varias Administracións Públicas. Por un lado, a obra en terreo municipal corresponde ao Concello e a obra dentro do recinto escolar corresponde á Xefatura Territorial – Xunta de Galicia.
             esquema da obra e a parte que realizaría cada unha das administración en distinta cor

Desde a ANPA, nestes anos, foron constantes as peticións ao Concello solicitando información sobre o estado deste proxecto, lémbrandolles que mentres non se executara esta obra, íamos seguir reclamando a solución ao grave problema de seguridade (o traslado pola vía pública) e salubridade (o traslado baixo as inclemencias meteorolóxicas) que supón diariamente que os nenos e nenas do CEIP das Fontiñas se trasladen de un edificio a outro para utilizar o servizo de madrugadores e comedor.

A pesar de que desde a Concellaría de Educación se comprometeu en diversas ocasións coa execución da obra, non foi ata a semana pasada cando comprobamos a licitación e publicación da mesma:

http://santiagodecompostela.gal/e_santiago/contratacion.php?id=1473&lg=gal

Para asegurar esta nova, na tarde do luns 12 de novembro a ANPA Fontela foi convocada a unha reunión no Pazo de Raxoi. Nesa xuntaza o alcalde de Santiago confirmounos a licitación e contratación da obra, e pediunos desculpas polas expectativas de pronta execución durante todos estes anos, engadindo que, por motivos administrativos, non se puido executar antes.

En canto a outra parte da obra,  esa mesma mañá, o Delegado Territorial da Xunta na Coruña, ratificaba o compromiso da Xunta de Galicia para realizar os tramos interiores da pasarela. Podedes ver a información en:

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35192/xunta-confirma-que-seguira-blindando-orzamento-para-tramos-interiores-pasarela

Así mesmo, comentar que aproveitando a reunión co alcalde, solicitámoslle que tivese en conta outras melloras solicitadas desde a comunidade educativa para a mellora do CEIP das Fontiñas e a súa contorna, como son: o acondicionamento da casa do bedel para que sexa un espazo “utilizable” para actividades, a seguridade peonil na contorna do colexio e as varias reclamacións que se veñen facendo nos últimos cursos para a mellora do servizo de comedor.

Para rematar, agradecervos o voso apoio, difundindo e comentando a información publicada na plataforma de Facebook.

Seguimos traballando!!
Advertisements

Reunión sobre o Servizo de Comedor este xoves

Este xoves, 8 de febreiro ás 16:30h, na Biblioteca do CEIP das  Fontiñas a ANPA convoca unha reunión cos usuarios de comedor con esta orde do día.
Lembrade que para aquelas familias que o necesiten, a ludoteca que organiza a ANPA estará á súa disposición de balde durante o horario da reunión. Se queredes utilizar este servizo, mandádenos un correo electrónico a anpafontela@gmail.com (con asunto “Reunión comedor”) co voso nome, un teléfono de contacto e o número e idade das crianzas que vaian ir á ludoteca.

CHARLA REVÁLIDAS

A ANPA Fontela en colaboración coa Federación de Anpas convócavos a unha charla polo tema das reválidas de 6º para que poidades resolver todas as vosas dúbidas.

Día: HOXE xoves 18 de Maio
Hora: 16:45 h
Lugar: Biblioteca do CEIP das Fontiñas
Relatora: M. Esther Martínez Piñeiro (vicepresidenta da Federación de Anpas e profesora da Facultade de Ciencias da Educación)

A avaliación de 6º curso de Primaria terá carácter de mostra e, no caso de Galicia, aplicarase no 15% aproximadamente do total de centros que imparten este curso de Primaria en Galicia (en torno a 125 centros), un dos elexidos é o CEIP das Fontiñas. A proba será os días 23 e 24 de maio é avaliaranse a competencia matemática, a competencia lingüística (en galego, en castelán e en lingua estranxeira), e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

Dende a Anpa, xunto coa Federación de Anpas queremos participar na información ás familias para que poidan decidir o que van facer na próxima convocatoria destas probas.

Máis información aquí  e aquí.

 

Hoxe asemblea ANPA

Ola familias,

lembrade que esta tarde haberá asamblea extraordinaria da ANPA Fontela

HORA: 16:30h en primeira convocatoria e 17:00h en segunda convocatoria 

LUGAR: Biblioteca CEIP Fontiñas

Acudirá á asemblea  o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, para falar sobre o proxecto da pasarela e a ampliación do comedor e aclarar as dúbidas que poidamos ter.

Polo que a orde do día queda:
•Presentación
•Últimos datos sobre a pasarela entre infantil e primaria e ampliación do comedor (Concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios).
•Aprobación da acta da pasada asemblea extraordinaria.
•Recentes incorporacións á ANPA
•Plan de convivencia no CEIP As Fontiñas
•Proposta de actividades para o próximo curso
•Rogos e preguntas

Por último, indicarvos que para aquelas familias que o necesiten, a ludoteca que organiza a ANPA estará á súa disposición de balde durante o horario da asemblea. Agradeceríamos que se queredes utilizar este servizo, nos mandedes un correo electrónico á anpafontela@gmail.com (con asunto “Asemblea 15 de maio”) co voso nome, un teléfono de contacto e o número e idade d@s nen@s que vaian ir á ludoteca.