Excursión ás Illas Cíes

Image

E chegou o día de irnos de excursión a Cíes e, desta vez cun marabilloso día de sol e calor.

A iso das nove da mañá saíamos de diante da escola os dous autobuses para chegarmos a Vigo contra as 10:15, e xa case sen tempo nin para pensalo a facer cola para subir ao noso barco “Pirata de Onza” que case que ocupabamos por completo os “Piratas das Fontiñas”.

O fresquiño de pola mañá no medio da Ría de Vigo fíxonos poñer as chaquetas, pero o mar coma un plato axudou a que non houbese mareos así que todos encantados coa viaxe no barco.

Ao chegar á Illa de Monteagudo (ou Illa do Norte) volveu a sensación de calor, algúns foron xa correndo á auga, outros á sombra e outros poucos a facer unha pequena ruta polo sur da Illa de Monteagudo e a Illa do Montefaro (as dúas illas principais, unidas pola fermosa praia de Rodas) ata chegar á Praia de Nosa Señora, unha auténtica preciosidade de praia con vistas á terceira illa do arquipélago, a de San Martiño ou Illa do Sur.

Despois diso, cada quen xantou como mellor lle pareceu, na area ao sol, na area á sombra, no pinar, … e logo viña por diante a tarde con máis sol, praia, auga e area.

Ás 19.30 zarpaba de novo o “Pirata de Onza” de volta cara a Vigo pero a festa non remataba, todos e todas a bailar sen parar na cuberta superior do barco, e despois de novo no autobus de regreso á casiña.

En resume, un día de excursión espectacular. Aí tedes algunhas fotiños

Advertisements