Banco de Libros 2013

Como xa informamos na última asemblea, a Anpa deste colexio, en colaboración coa federación de anpas de Compostela, vai organizar un BANCO DE LIBROS.

O obxectivo que pretendemos é a recuperación dun material tan duradeiro e custoso como son os libros de texto, coa finalidade de os nosos fillos e fillas aprendan os valores da reciclaxe e da reutilización, e pensando que o feito de que reciban un libro usado, e de que teñan á súa vez que darllo a outro/a o que eles usaron, contribúe á súa educación e a súa integración xenerosa na comunidade.

Evidentemente, isto tamén trae un efecto colateral : o aforro económico, que é algo tamén moi necesario e especialmente interesante neste momento.

Para todos aqueles que queiran apuntarse, o sistema que imos seguir é o seguinte:

RECOLLIDA DE LIBROS NO LOCAL DA ANPA:

  1. Xunto con este escrito remítense as fichas (ó final do artigo) cos libros dos diferentes cursos de primaria (en infantil non hai posibilidades de reutilización, e probablemente en 1º e 2º de primaria tampouco será posible). Se tedes, deste curso que remata ou de cursos anteriores, algún dos libros das listaxes, entregádeos na sede da anpa, totalmente borrados, os días 20 e/ou 25 de xuño entre as 16:30 e as 18:30 da tarde.

  2. Cando os entreguedes traede cuberta a ficha que se achega por duplicado, cubriredes a parte dos libros que doedes, por duplicado, porque unha ficha é para nós e outra queda como resgardo voso. No que se refire aos libros que queirades recibir, poñede unha información xenérica (exemplo: os de quinto, ou os de cuarto agás do de relixión) ou específica (exemplo: o de matemáticas de sexto)

  3. As familias dos nenos que vaian facer, no curso 2013-14, primeiro, segundo ou terceiro de primaria, e que non poidan doar ningún (porque os tres cursos previos a estes non teñan libros reutilizables) teñen que deixarnos igual a ficha, coas doazóns en branco, para que poidamos contar con eles no reparto. Aínda que xa dixemos que para 1º e 2º probablemente non consigamos libros.

ENTREGA DE LIBROS ÁS FAMILIAS:

  1. Os días 27 e 28 de xuño entregaremos os libros da seguinte maneira:

  2. Faremos lotes iguais, dividindo o total de libros entregados polo total de solicitantes en cada curso.

  3. Terán prioridade os que doaron libros, e se sobran repartirémolos entre os que non doaron, ou deixarémolos no centro para cubrir casos de necesidade.

  4. As familias dos nenos de sexto de primaria levarán o resgardo de entrega que lles servirá de xustificante no IES Antón Fraguas, e terán preferencia para recoller os de 1º da ESO no banco de libros do Instituto.

Para evitar malentendidos queremos deixar claro que isto non é un negocio, doar libros non significa que se vaian recibir; significa que se vai entrar nun reparto, en igualdade co resto dos doantes; pero, evidentemente, se todos doamos tamén todos recibiremos.

Se tedes calquera dúbida, atenderémosvos onde sempre, no correo electrónico, anpafontela@gmail.com; no teléfono 660 647 808; ou no local os días que vos indicamos de recollida e/ou entrega.

FICHAS:

Advertisements