Excursión fin de curso

Como cada ano, ao finalizar o curso, esta asociación de familias organiza unha excursión para compartir experiencias, xogos e xantares.

Este ano propoñémosvos coñecer a arte rupestre da nosa prehistoria recente nun lugar moi próximo a Santiago de Compostela, a Devesa da Rula, no lugar da Portela de Villestro onde, nos últimos anos, atopouse un interesante conxunto de petróglifos da Idade do Bronce. Nesta Romaría das pedras contaremos coa colaboración da Asociación Cultural Colectivo A Rula que organizará as visitas guiadas aos petróglifos, do especialista Fran Ameixeiras que desenvolverá os obradoiros para amosarnos como realizaban eses gravados nas duras rochas e como facían o lume.

Para rematar esta xornada festiva e cultural, trasladarémonos a unha área recreativa moi próxima no concello de Ames, a praia fluvial de Tapia, que conta cunhas instalacións completas.

Despois do xantar levarase a cabo unha sesión de contacontos coa obra O eco das pedras da narradora e actriz Raquel Queizás que nos internará nas lendas e mitoloxías tradicionais ao redor das nosas pedras. E, se o tempo o permite, poderíamos rematar compartindo xogos coa cativada levando materiais de xogos colaborativos.

Esta excursión conta cunha subvención da ANPA Fontela. O prezo: 4 euros cada adulto, 2 euros cada nen@ (gratuíta para menores de 3 anos). 110 prazas dispoñibles por estrita orde de inscrición.

Pincha aquí para realizar a inscrición. Lembrade que pode haber lista de agarda, así que, por favor, se non podedes acudir, contactade con nós para anular a inscrición.

Datos de contacto: 660 647 808 / anpafontela@gmail.com

PATIO EN REFORMAS: NOVIDADES

Como ben sabedes, nos últimos meses levamos a cabo unha serie de actividades (charlas, obradoiros e xornadas de observación) sobre os patios de Primaria, tanto o exterior como o cuberto.

No transcurso deste traballo detectamos unha serie de deficiencias de seguridade, salubridade e mobilidade que, na nosa opinión, merecen unha intervención urxente. Moitas delas foron indicadas polo propio alumnado.

Por esta razón, decidimos elaborar un informe específico con apoio fotográfico

O pasado martes, 9 de abril, presentamos por rexistro esta información á dirección do CEIP das Fontiñas, á Concellaría de Educación (Concello de Santiago de Compostela) e á Xefatura Territorial de Educación (Xunta de Galicia), para dar coñecemento ás autoridades competentes e solicitar que fagan unha valoración técnica da situación actual e subsanen unhas deficiencias que, ao noso ver, poñen en risco o benestar das nosas crianzas.

Para máis información podedes consultar tamén

-o informe

-as conclusións e propostas de mellora

Celebramos o DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO

O pasado luns 8 de abril, o CEIP das Fontiñas conmemorou o DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO.

A ANPA Fontela, coa colaboración do equipo docente, organizou un dobre CONCERTO DE FLAMENCO (en infantil e en primaria) a cargo do grupo Tacón Gitano. 

Tamén se proxectou para os máis maiores a curta “Marcando a diferencia”, protagonizada por mulleres xitanas de Santiago, gran parte delas das Fontiñas. Unha iniciativa promovida pola FSG Galicia e AGARESO na que participan moitas nais do noso cole.

Para nós foi un día moi especial porque conseguimos celebrar no CEIP das Fontiñas o DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO, recoñecendo así a identidade e a cultura propia dunha parte moi importante do noso alumnado.

A ANPA Fontela puido levar a cabo esta actividade grazas á axuda da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Laboratorio da auga: A ciencia é divertida!!!

O mércores día 3 de abril as crianzas de infantil participaron nun obradoiro científico que tivo como temática principal a auga e no que se desenvolveron diferentes experimentos.

As crianzas observaron o ciclo da auga, aprendendo cales son as súas propiedades e os estados nos que pode atoparse na natureza. Ademais, experimentaron con fenómenos como a capilaridade, a solubilidade ou a flotabilidade e, a través dun microscopio, pudieron comprobar canta vida se agocha nunha soa pinga de auga.

E, por descontado… tamén houbo tempo para o xogo con pompas de xabón, circuitos de auga ou puzzles.

A ciencia tamén é divertida!

Esta actividade puidemos levala a cabo grazas á axuda da área de Cultura da Deputación da Coruña.